A visita ao Centro Arqueolóxico de A Caeira compleméntase co paseo pola Área Arqueolóxica, un espazo recuperado no que se poden contemplar algunhas das rochas máis relevantes desta importante estación de arte rupestre. O seu acondicionamento mediante a creación dun carreiro, a construcción de plataformas para facilitar a visión dos petroglifos e a instalación de paneis informativos pretende proporcionarlle ao visitante unha experiencia que, ao tempo, sexa didáctica e lúdica.
A Área Arqueolóxica de A Caeira atópase ao norte do núcleo de San Salvador de Poio, concretamente na aba suroriental do Monte da Tomba, que nesta zona forma un pequeno macizo coñecido como Montecelo. A Caeira (ou Montecelo) reúne un excepcional conxunto de arte rupestre prehistórica integrado por máis de vinte petroglifos ou gravados rupestres feitos sobre a rocha. Son coñecidos xa desde inicios do século XX grazas ao labor do intelectual pontevedrés Ramón Sobrino Buhígas.
Dúas pedras de grandes dimensións, a Laxe das Lebres, con motivos de fauna, e a Pedra Grande de Montecelo, con motivos de temática xeométrica, desenvolven un papel principal e dan sentido á totalidade do conxunto.
O 18 de Xuño de 2009 foi inaugurado este novedoso proxecto desenvolvido polo Concello de Poio. Trátase dun Centro de Interpretación Arqueolóxica situado na parroquia de San Salvador e que se converterá sen dúbida nun dos referentes da arte rupestre na provincia.
Situado xusto detrás do Casal de Ferreirós (de feito comparten entrada), este centro alberga un proxecto expositivo no que os visitantes poden observar e coñecer polo miúdo as características dos petroglifos existentes no municipio.
Ademais, inclúese unha réplica exacta do petroglifo Pozo Ventura, dunhas características excepcionais na arte rupestre desta zona da península, e que recorda máis ben a outras pezas achadas en Irlanda ou a rexión da Bretaña francesa.
O proxecto complétase coa proxección de dous audiovisuais didácticos e un xogo interactivo que sen dúbida atraerá sobre todo ao público infantil e xuvenil.
O Concello de Poio conta con gran número de restos prehistóricos distribuídos pola súa xeografía, pero principalmente localizados na zona de A Caeira-Boa Vista, contando tres deles coa protección específica de Monumento Nacional (Laxe do Xugo, Laxa das Lebres e Pedra Grande de Montecelo).
© Concello de Poio. 2008
Este sitio web está desenvolvido dentro do Plan de Cidades Dixitais 2007⁄2008