O Concello de Poio atesoura unha importante concentración de complexos gravados prehistóricos ao aire libre. Trátase de interesantes conxuntos de arte rupestre, tamén coñecidos como petroglifos, que pertencen á Edad de Bronce (1800-600 a.C.) e constitúen unha parte importante do patrimonio arqueolóxico e cultural do noso municipio. As estacións de petroglifos dos montes de Poio e limítrofes localízanse entre as máis importantes da provincia e da parte occidental da península, e así o demostran a categoría de tres destes conxuntos declarados "Monumento Nacional".
Estes interesantes conxuntos atópanse sobre rochas graníticas de formas variadas e de grandes dimensións (a máis grande mide cinco metros de longo). Entre os máis espectaculares citaremos en San Salvador "A Pedra Grande de Montecelo" e a "Laxe das Lebres", e en Samieira o "Outeiro da Burata" e "Monte Cruxeiro". Estes lugares supoñen, ademais, uns magníficos miradores naturais sobre ría de Pontevedra. Cabe destacar que o petroglifo denominado "A Laxe das Picadas" está actualmente exposto no Museo Provincial de Pontevedra.
A temática dominante nestes gravados rupestres é moi característica e podémola agrupar en dous grandes bloques: geométrico y naturalista, coa existencia dunha gran variedade de representacións tales como cervos, cazoletas, combinacións circulares e diversas figuras antropomórficas.
© Concello de Poio. 2008
Este sitio web está desenvolvido dentro do Plan de Cidades Dixitais 2007⁄2008